La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O querido e recordado Fermín Penzol, ademais de crear co seu patrimonio a mellor biblioteca galega, doada xenerosamente á Editorial Galaxia cando el tiña pouco máis de cincuenta anos de idade, pagaba na súa vila un equipo de remeiros como eses de Oxford que agora armaron un escándalo en Amposta. Segundo nos contou un día un dos remeiros, o custe maior daquel equipo íase en bistecs, pois os mozos debían estar moi ben alimentados, sobre todo en época de competición, pero polo que respecta á bebida había unha norma moi clara: escasa, boa e aos pouquiños. Puro sentidiño, que é como se chama o sentido común.

Eu non sei o que puideron beber estes rapaces de Oxford para armar a que armaron. Supoño que lles tiveron que dar augarrás. Non se pode explicar doutra maneira que xente que procede dunha das universidades máis selectas do mundo, educados en boas familias (ou malas, pois só pretendo dicir ricas), se comportasen como auténticos bárbaros.

Explicouno un dos encargados: “Son persoas educadas, que cando beben perden un pouco o control, pero non son hooligans”. Evidente. Se en vez de ser así, chegan a ser zarrapatrosos deses que van cos equipos de fútbol, a estas horas estariamos falando doutra cousa: xestos soeces, baixando os pantalóns de costas á policía, ou pelexas a pau limpo, incluso con navallas. Todo o contrario; un deles ata tivo a delicadeza, tal como ía de cocido, de durmir debaixo da cama. Á señora da pizzería leváronlle ademais bombóns e diante do xuíz estiveron impecables. Por iso tampouco haberá que temer agora que vaian dicindo que en España foron interrogados pola Inquisición.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de xaneiro de 2000.