La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nos Estados Unidos hai moita xente que está indignada con Bill Clinton pola denuncia dunha moza que asegura que aquel lle fixo propostas feas, no cuarto dun hotel, cando o actual presidente era gobernador do estado sureño de Arkansas. Naturalmente, el nega a acusación. A muller, pola súa parte, está disposta a chegar a un acordo por unha cantidade duns trescentos millóns de pesetas, ademais dunha reparación de tipo moral: que Clinton lle presente desculpas pola ofensa e o dano que lle causou.

Hai uns días vin nunha cadea de televisión internacional unha señora que choraba de rabia polo comportamento do seu presidente, que consideraba humillante para unha nación tan grande e poderosa como América. Dramatismos á parte, quizais non lle faltase algo de razón, aínda que a cousa tampouco é para chorar.

A min, persoalmente, moléstame moito máis outra historia de Clinton: que autorizou a execución dun retrasado mental en Arkansas por non desgustar aos seus electores. Tratábase dun home enfermo, sometido a varias operacións cerebrais, entre elas a extirpación dun lóbulo frontal. O día que o mataron, no momento en que o foron buscar para conducilo á sala de execucións, aquel pobre infeliz deixou o pastel que estaba comendo e díxolle aos gardas con toda inocencia: “Que non me tiren este cacho, que xa o comerei despois”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de xaneiro de 1998.