La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Durante anos, viña con frecuencia por Galicia un personaxe intelixente e estrafalario, ilustre profesor portugués de non recordo que materia, que estaba empeñado na realización práctica dun complicado soño relacionado co noso país. Naturalmente, coa excepción duns poucos estudantes inocentes e algún intelectual respectuoso, ninguén lle fixo caso. A verdade é que cando falaba, e hai que dicir que era un mestre admirable no emprego da linguaxe, o mesmo podía ser tomado porunha persoa responsable que por un tolo.

En xeral, a xente pensaba que non estaba ben da cabeza. Non obstante, tiña feito cousas notables na súa vida: por exemplo, fundara seis ou sete universidades no Brasil. Esa capacidade apostólica xunto coa súa cautivante cortesía permitíanlle expoñer os seus plans a moitas persoas, que o escoitaban fascinadas, pero que non lle facían caso. Farto, un día desapareceu sen deixar rastro.

Agora, moitos anos despois, recibo carta del desde Lisboa. Envíame un folleto dunha importantísima institución que el fundou hai moito tempo e que hoxe goza de gran prestixio en todo o mundo. Nunha ocasión, explicando nunha universidade alemá como funcionaba o citado organismo, deixou asombrada a audiencia cando lles dixo que traballaban nel tres persoas: el mesmo, unha secretaria neurótica e un dentista  atolondrado que deixara a consulta por culpa dos nervios. A simple vista parece unha cousa de tolos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de xaneiro de 1993.