La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola mañá, a iso das once, saín dar un paseo por Ourense. Había néboa e ía bastante frío e estaba todo deserto. Diante da igrexa de Santa Eufemia, vin un grupo de vellos parados, falando entre si. No momento en que pasaba a aquela altura, escoitei que un deles dicía: “O que non nace non morre”. Como eu non estaba no contexto, ignoro qué quería dicir. A pesar de todo, non puiden evitar volverme. O señor que pronunciara a frase, acoirazado con gorra, abrigo e bufanda, seguía falando coa mesma prosa sentenciosa construída a base de refráns. Estou seguro de que a véspera pola noite sería deses que din: “Que o ano novo veña con ben”.

Algo máis adiante vin dúas monxas saíndo do barrio onde antes estaban as rúas do pecado. Hai anos sería imposible unha estampa coma esa. Supoño que elas, non obstante, viñan de facer algunha cousa boa, asistir a misa, por exemplo, e que se encamiñaban a facer outra aínda mellor, quizais axudar algún necesitado.

Digo isto porque tiñan cara de boa xente. A uns centos de metros de alí, na rúa Marcelo Macías, había unha aglomeración de rapazas e rapaces novos, case todos vestidos de negro. Saían de celebrar o ano novo nunha desas discotecas de horarios intempestivos. Moitos levaban aínda pintada no rostro a alegría asopada dos licores baratos, unha mociña vomitaba na porta dun portal e un rapazote alto e forte, vestido de etiqueta, bailaba só no medio da rúa. Os demais falaban animadamente. Non puiden escoitar o que dicían. Supoño que nada importante, como é lóxico nesas circunstancias e a aquelas horas. Logo, volvín para a casa. Tiven a sensación de que o ano novo nacía xa bastante vello.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de xaneiro de 1999.