La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai un escritor galego no cal non podo pensar sen que me veña á cabeza o recordo dunha carta que el lle enviou ao propietario dunha librería de Ourense e que este me leu a min, na que o intelectual trataba de aclarar un incidente no que se vira envolto uns días antes, cando un empregado da tenda o colleu no transo de roubar un libro de Bernardino Graña. Despois de cualificar ao dependente como “esbirro a soldo” e “mal educado” e feitas as disquisicións obrigadas sobre a propia honestidade persoal, viña a explicación dos feitos.

O libro, que efectivamente ocultaba debaixo do sobaco cando foi rexistrado polo esbirro aludido, era da súa propiedade. A razón de que o levase naquel lugar tiña que ver cunha prescrición médica relacionada cunha artrose, atrevéndose el a cambiar por un libro a almofadiña recomendada, pois iso permitíalle ler tamén no café.

A explicación pareceume magnífica, digna de recoñecemento, e só un sentido tonto do pudor me impediu felicitar o meu colega por tan fantástica invención. Ata agora non coñecía ningunha coartada máis enxeñosa que esa. Onte, non obstante, mentres combatía as molestias dun resfriado coa lectura dunha revista sueca amable e lixeira, atopeime coa historia dunha señora que foi sorprendida nun supermercado cando se ía cun polo conxelado debaixo do gorro. Dixo que era para combater unha dor repentina de cabeza.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de decembro de 1994.