La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Tal día como onte, hai trinta e seis anos, despois da misa das doce, un neno da miña idade vendeume por cinco pesetas un libro de pastas vellas, impreso en papel descolorido, con poucas páxinas, que se titulaba El signo de los cuatro. Lino de corrido, golosamente pechado no meu cuarto, aquela mesma tarde. Como adiviñarán deseguida todos cantos compartan comigo, que sen dúbida serán bastantes, a admiración por Arthur Conan Doyle, estou falando dunha das novelas que narran as aventuras de Sherlock Holmes.

Houbo un feito naquela lectura, ademais da intriga e as personalidades do famoso detective e o seu colega, o doutor Watson, que fai que agora, tantos anos despois, aínda me acorde das horas que pasei atrapado pola fascinación que en min exerceron algunhas pasaxes. Non sempre é Shakespeare quen modela as nosas almas.

Aquel día lin e volvín ler os parágrafos nos que o heroe de Baker Street lle fala ao seu amigo dos libros que escribiu: un sobre a diferenza das cinsas das distintas clases de tabaco e outro sobre a influencia dos oficios na forma das mans. Cando Watson lle di a Sherlock Holmes que este ten un talento extraordinario para as miudezas, sentín, quizais dunha forma inconsciente, que aquilo era unha guía para o pensamento. Desde entón amo os detalles e aborrezo as vaguidades. E desconfío dos pesados.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de decembro de 1993.