La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, ao chegar a Ourense para pasar o Nadal, atopei un sobriño pequeno todo acontecido, algo enfurruñado e bastante triste. El, que é un neno moi saudador, recibiunos en silencio, limitándose ás normas mínimas que lle marcaba a boa educación, sen excederse no entusiasmo nin na amabilidade. Preguntei que lle sucedía e respondeu cun “nada” moi elocuente, é dicir, que lle sucedía todo. Para saber máis tiven que agardar a que marchase á cama e que os seus pais me informasen tranqui – lamente do problema.

O caso é que o rapaciño, que ten seis anos, chegou do colexio cunhas notas excelentes. Resumindo o boletín, poderíase dicir que se trataba dun neno intelixente e traballador, bo compañeiro e xeneroso. Mellor, imposible. O malo, unha nota manuscrita que acompañaba o anterior e que viña ser como ciscárselle na predicación.

Foi esa observación final, que el non entendía ben, pero que adiviñaba como unha cousa moi negativa, a causante daquel desacougo. Dicía a nota citada que o neno era demasiado infantil. Naturalmente, da mesma maneira que os vellos son vellos, os adultos son adultos e as moscas non son elefantes. Tanta evidencia en contra non valeu, non obstante, para tranquilizalo. Por fortuna. Sería preocupante que un crío de seis anos chegase á conclusión de que as persoas maiores, ás veces, se comportan como nenos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de decembro de 1995.