La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando se inaugurou a casa que acolle a Fundación Camilo José Cela, en Iria, estabamos falando no patio un grupo de persoas, entre as que recordo varios escritores e algúns homes de negocios, entre eles Mario Conde. Desde o alto do muro que separaba a propiedade da horta veciña, catro ou cinco nenos puxéronse a berrar, chamando a atención cara ao grupo, co propósito de conseguir un autógrafo. Cando o propio Cela se volveu para compracelos, os nenos dixeron que a firma que querían era a do célebre financeiro.

Alguén me comentou despois, profundamente escandalizado, que a escena lle resultara horripilante e simbólica. Eu díxenlle que a min me deixaba indiferente, pois niso dos autógrafos hai coleccionistas para todo: algúns buscan os dos futbolistas, outros prefiren os das actrices e hai quen recolle incluso os dos políticos.

Non sei que sería daquela firma, pero non me sorprendería que fose tirada ao cesto dos papeis, como fixo un amigo meu da escola, neno devoto e puro, co autógrafo dun defensa do Barcelona, o día que soubo que o mencionado tiña amores ilícitos cunha famosa cantante. No caso de Conde, non creo que sexa polos seus pecados económicos, que en xeral se perdoan bastante ben, senón pola posibilidade de que acabe no cárcere. Vestido de preso, un ídolo non é máis que unha persoa e estas nunca firman autógrafos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de decembro de 1994.