La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Antonte vin a primeira neve deste ano. Foi pola noite, cando regresaba de Foz de dar unha conferencia. De Mondoñedo para arriba, ata chegar a Baamonde nevaba con forza e a estrada empezaba a poñerse difícil. Perto de Vilalba vin un coche tirado na cuneta e os camións circulaban a paso de boi. A viaxe, polo tanto, non resultaba grata, ademais do perigo que supuña, de maneira que decidín facer noite en Santiago, a onde cheguei con tempo para tomar un bocado e dar un paseo solitario pola cidade, non moi longo, porque contra o pracer de andar estaba o incordio do frío que facía.

Así que me metín pronto no hotel e púxenme a contestar algunhas cartas: a Lara, unha amiga de dezanove anos que escribe poemas; a Miguel Araújo, a quen non coñezo persoalmente, pero que de cando en vez me obsequia con libros antigos (o último un folleto de don Xan da Coba sobre o raio), e a un parente que me regalou unha foto vella.

Desde o hotel, fixen tamén unha chamada para cerciorarme de que non sucedera nada raro co meu artigo, como ocorrera o día anterior, que non se publicou por culpa dos líos que ás veces provocan as bruxas que viven dentro dos ordenadores, o cal supuxo que algunhas persoas chamasen preguntando se estaba enfermo. Grazas, pero non; nin o frío puido comigo estes días. Por certo que despois de contestar as cartas, aínda me quedou tempo para acender o portátil e poñerme a enredar durante un par de horas na novela na que traballo ultimamente. Na parte que escribín durante ese tempo, a escena descrita transcorría no verán, con moita calor. Supoño que sería suxestión, pero algo del entroume no cuarto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de decembro de 1999.