La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O Primo de Lamas tiña a obsesión das cousas grandes. No Brasil, onde pasara unha boa parte da súa vida, había un ca balo de catro metros de alzada que comía un carro de herba cada día e que dunha alancada era capaz de saltar por riba dunha casa de dous pisos. Non era a única enormidade da que falaba. Nos montes de Calvos, xa preto de Portugal, sabía el dunha fraga na que tiña a tobeira unha cobra desconforme, de vinte metros de longo e dun grosor equivalente ao corpo de dous homes ben mantidos.

Aos nosos paisanos, acostumbrados a vivir nun mundo pequeño e pobre, sempre lles gustaron as desmesuras. Por iso admiran tanto os tipos esmirriados e pequenos que comen catro ducias de ovos cocidos, os cans que pelexan a pelo co lobo e o vencen ou a eses animais inmensos como a terra que só caben na imaxinación.

Sei agora que unha balea azul pesa aproximadamente o mesmo que trinta elefantes e tanto como mil cincocentos homes. E, non obstante, para cazalas, abonda cun grupiño pequecho de individuos, non máis de catro ou cinco. É dicir, que para inutilizar a forza descomunal dun ser vivo de varias toneladas de peso, chega coa intelixencia que pode despregar un cerebro: pouco máis dun quilo. Visto desde a perspectiva da balea debe ser como se contemplásemos un neno xogando cunha bomba atómica nun xardín.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de decembro de 1995.