La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Alá polo ano 1889, unha señora americana de Filadelfia, casada cun axente editorial, leu a novela Un estudo en escarlata de Arthur Conan Doyle, a primeira da serie sobre Sherlock Holmes. Quedou tan contenta que lle pediu ao seu home que se trasladase ata Londres para entrevistarse co autor daquel relato e pedirlle que continuase as historias do personaxe. O editor, que debía ser compracente coa súa muller, fixo a viaxe para verse co novelista, a quen citou no hotel Langham, e formuloulle a proposta.

No xantar estaba tamén Oscar Wilde, que impresionou a Doyle pola súa agradable conversa e a súa cultura. O resultado daquel encontro foron dous relatos: O retrato de Dorian Gray, do escritor irlandés, e a segunda novela protagonizada por Holmes, O signo dos catro, que se publicou un ano despois, en 1890.

Case cen anos despois leo en The New York Times que o manuscrito da novela, que estaba en poder de alguén que quere quedar no anonimato, acaba de licitarse por un valor de trescentos cincuenta mil dólares, que son máis de corenta millóns de pesetas. Trátase de cento cincuenta follas escritas en letra grande, sen apenas revisións. Desde hai dez días están en poder de alguén. Naturalmente, ten que ser unha persoa con posibles, quizais un especulador. Non descartemos tampouco o capricho dun corazón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de decembro de 1996.