La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Alá polos anos sesenta, caeu pola Habana un intelectual francés farto de vivir en París e enfadado coas miserias do que se chamaba a democracia burguesa. Pretendía axudar a Fidel Castro no seu proxecto político de crear o home novo. O que fixo, en cambio, foi crearlle non poucas dificultades. Como a comida non chegaba para todos, o filósofo e a súa moza non probaban bocado durante varios días en solidariedade coas vítimas da fame, pero cando non podían máis, corrían a un restaurante a atracarse de bistés.

Agora, pasados bastantes anos desde aqueles tempos de fervor dietético, o protagonista de semellantes sacrificios está algo máis gordo, escribe pestes contra Castro e lanza, de cando en vez, proclamas ou sermóns igualmente intensos e emocionados, pero nunha dirección distinta. Eu creo que volve estar equivocado.

Non sei se terá algo que ver con esa nova plataforma que se acaba de crear, integrada por persoas indignadas coa sociedade de consumo, que decidiron deixar un día sen mercar nada. Non está mal. O que pasa é que iso do día sen compras parécese moito aos días nos que hai que comprar algo para o pai, para a nai, para a moza ou para o neno. Ao final, vai suceder o mesmo que pasaba co filósofo francés: un atracón ao día seguinte. Tanto é así que non me explico como a idea non se lle ocorreu aos comerciantes.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de decembro de 1996.