La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Entre os moitos episodios cómicos que Miguel Maura conta nas súas memorias, un dos máis insensatos refírese á queima das igrexas durante a República. Como ministro da Gobernación, tivo que facer fronte a aquel disparate sen sentido, para o cal se valeu duns gobernadores civís que en moitos casos eran auténticos débiles mentais. Ese foi o caso de Málaga, por exemplo, onde o xefe provincial autorizou a queimar unha igrexa abandonada. Entusiasmadas, as turbas collérono a ombros e queimaron doce máis.

Naquela historia participou tamén o xeneral Gómez Caminero, que era gobernador militar e foi igualmente paseado a ombros, xunto co seu colega civil, polas masas incendiarias, orgullosas de ter unhas autoridades tan humanas e comprensivas, capaces de entender o estado de inquietude e de indignación en que se atopaban. Cando o ministro lle chamou mentecato, o xeneral envioulle padriños.

O que máis irritou a Maura, non obstante, non foi o comportamento irresponsable das autoridades que tiñan o deber de impedir que se queimasen as igrexas, senón o alto grao de estupidez humana que descubriu na maneira de proceder da xente da rúa. Os incendios empezaron en Madrid e deseguida foron imitados no resto de España. Ninguén quería quedar atrás nunha das competicións máis idiotas da historia contemporánea. Adoita ser así. Veremos canto tardan en aparecer en Galicia parvos que persigan os estranxeiros.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de novembro de 1992.