La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai un par de días, ía eu no meu auto polas rúas de Vigo. De pronto, o tráfico empezou a poñerse duro, imposible. A poucos metros, na Porta do Sol, uns rapaces noviños estaban sentados no medio e medio da calzada, batendo as palmas alegremente, protestando entre risas por cousas relacionadas co ensino. Un grupo de axentes, moi serios e modernos, respectuosos e exquisitos cos manifestantes, obrigaban os coches a desviarse. Confeso que me pareceu a estampa cómica dun país extravagante.

Probablemente ninguén lle explicou aínda a estes mozos que iso de cortar o tráfico é unha gamberrada, ademais de ser un acto ilegal, item máis que resulta tamén innecesario e absolutamente inútil. O feito de que os axentes da autoridade colaboren de forma eficaz na acción, non a converte en boa, só a fai algo máis disparatada.

Non se explica ben que entre todos cantos grupos recorren periodicamente a este tipo de protestas, aínda non se lle ocorrese a ninguén coller un pau ou un barrote, cravarlle na punta un cartel de cartón ríxido co lema da reclamación ben escrito e visible e poñerse logo a dar voltas pola beirarrúa, sen molestar. Sería este un espectáculo tan insólito e civilizado que acabaría tendo por forza un grande éxito. A non ser que só se pretenda incordiar os demais, pois en cuestión de cabreos as normas son distintas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de novembro de 1993.