La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Creo que foi o meu paisano Paco Roña, que estou seguro que non se vai incomodar comigo polo citalo por un alcume que se acabou impoñendo ao seu nome verdadeiro, quen tivo a mala sorte de que o señor abade, nun descoido incomprensible, lle bautizase dous nenos xemelgos ao revés, é dicir, poñéndolle o nome do neno á nena e viceversa. Non sei como se arranxou finalmente aquel disparate, pero o caso foi que durante algún tempo houbo xente disposta a converter o erro involuntario nunha solución definitiva.

Por fortuna tratábase de dous nomes honestos e decentes, como o do pai, pois se chegan a ser esas bromas de periquito que agora está de moda botarlles para sempre por riba da cabeza a algúns rapaces, a equivocación do señor cura puido acabar nunha nomeada irreparable. Os nomes, como se sabe, non son inocentes.

O pai dese terrorista venezolano chamado Carlos foi bautizado como José, pero aos fillos púxolles Vladimir, Ilich e Lenin. Non é raro, polo tanto, que o segundo deles, ao facerse grande, quixese ser revolucionario, a pesar de nacer no seo dunha familia millonaria. Matou bastante, aínda que matou mal: pretendendo acabar cos capitalistas, o que fixo foi acabar, polo menos nunha ocasión, cunha señora da limpeza e cuns árabes que limpaban latrinas en París. As bromas dos señoritos, cando pasan dos nomes, ás veces rematan así.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de novembro de 1994.