La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Recordo moi ben cando morreu Ortega y Gasset, alá polo ano 1955, porque o mesmo día que se coñeceu a noticia, a min dixéronme que seguro que estaría ardendo no inferno. Eu asociei a condena eterna daquel home cun episodio anterior, cando un profesor me colleu un libro do filósofo e me dixo que se lía aquelas cousas, non tardaría en defender a teoría de que os cans teñen alma. Confeso que das lecturas de Ortega non entendía case nada, pero parecíame que as imaxes e as metáforas eran impresionantes.

Desde entón, nunca me preocupei da alma dos cans, aínda que me levo ben cos que viven na casa. Quero dicir que para min, como se fosen xente. Por suposto, sen fanatismos, pois entre o respecto aos animais e a cursilería non hai máis que unha raia fácil de traspasar, a non ser que un sexa budista, cousa bastante complicada.

Digo isto a propósito da conversa tan interesante que tiven o sábado cunha bióloga, da que falei onte aquí. Esa teoría de que, no fondo, todos os seres somos iguais, a min paréceme ben. Pode ser unha nova forma de irmandade biolóxica universal, da que foi apóstolo san Francisco, que se proclamaba irmán dos lobos. Agora mesmo hai xente disposta a queimar os laboratorios onde se fan experimentos científicos con animais. Destes últimos, non obstante, eu síntome tan lonxe como dos lagartos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de novembro de 1996.