La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Coñecín un cura, alá polos meus anos de estudante, que presumía de que non había recomendación que se lle resistise. Nunca souben de que clase de engados se valía, pois era un home bastante brutiño, aínda que persoa excelente, a quen un día, na casa dun colega, cando se ergueu pola mañá para ir dicir misa, collérono facendo unha cousa moi fea: mexando na alfombra do cuarto de invitados onde estaba convidado. Eu mesmo, nunha ocasión, vino bebendo polo morro dunha botella de viño que alguén colocara sobre a mesa do comedor, disposta para o xantar. Pois a pesar de todo, aquel señor tiña unha habilidade especial para entrar en toda clase de despachos, aínda que non coñecese os titulares, e conseguir todas as recomendacións.

Isto de recomendar foi sempre cousa moi de curas, aínda que non exclusiva, porque iso faino todo o mundo. Houbo unha época, alá polos anos sesenta, que ninguén se atrevía a ir ao exame de ingreso na universidade sen recomendación. Todos levaban a mesma, a do cardeal Quiroga Palacios, que non lla negaba a ninguén, por iso non servía para nada.

Agora, un amigo faime chegar unha carta de recomendación escrita no mes de outubro do ano 1733. O autor é o mesmísimo Fr. Benito Gerónimo Feijóo Montenegro, máis coñecido como o P. Feijóo, varón de nobres virtudes e grande entendemento, que un día recibiu unha petición dunha irmá súa, a cal quería un curato para o seu fillo, chamado Álvaro de Rivadeneira Feijóo. O sabio beneditino intercedeu polo sobriño diante do duque de Béjar, para que este intercedese despois diante do de Lemos. Non está mal, pero non facía falta que se declarase, ao final, “su rendido siervo” por tan pouca cousa.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de novembro de 1999.