La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cada vez que teño coincidido co poeta José Agustín Goytisolo nalgún congreso ou reunión, polas noites, á hora das copas, sempre consegue que todo o mundo o secunde no que parece ser a súa gran paixón despois da literatura: xogar aos monos; ou chinchimoni, como lle chaman na miña terra. É ese pasatempo que consiste en gardar unhas moedas na man e que cada un dos participantes trate logo de adiviñar a suma total. Cando a José Agustín lle dá por aí, a cousa pode prolongarse durante horas.

En Lisboa, na Brasileira, tívonos unha noite atrapados a varios amigos ata as tantas da madrugada. Cando nos botaron, no taxi que nos levaba ao hotel, mentres eu ía falando con Antonio Martínez Sarrión, o empedernido púxome o puño dereito diante e invitoume: “A ver, pide”. Logo seguiu no ascensor e no cuarto.

Onte vin a José Agustín Goytisolo nun interesante programa de televisón dedicado ás fichas que facía a policía antes da chegada da democracia. Resultaba curioso escoitar os detalles que anotaban sobre a vida privada da xente, incluídas cuestións relacionadas coas actividades sexuais. De Goytisolo rexistraron conversas privadas e mesmo un baño no mar. Chamoume a atención, en cambio, que non mencionasen iso dos monos. Vese que, a pesar da eficacia, a aqueles señores escapábanlles datos importantes.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de novembro de 1995.