La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En Belgrado, un poeta acaba de desafiar a un colega para dirimir unha cuestión de insultos pola vía clásica: con espada e padriños, nun descampado e de madrugada. A ofensa, polo visto, consistiu en que o ofensor lle chamou “garrapata” traidora ao outro. Supoño que se trata dun desafogo e que o ofendido non é nin unha garrapata nin un traidor, senón que simplemente ambos os dous poetas se caen mal por razóns de ciumes, envexas e todas esas miserias humanas que se dan na tribo literaria en todas partes. Nada novo.

Nun país no que a violencia chegou a niveis de crueldade extrema, como sucede sempre nas guerras civís, xa parece un adianto que dous homes indignados un co outro non acaben a tiros. Algo parecido declarou o propoñente do desafío, que dixo que non ten intención de matar ou ferir ao seu adversario; só poñelo en ridículo.

Para iso podían deixarse de espadas e imitar ao poeta Lascelles Abercrombie, que foi desafiado a morte polo seu colega Ezra Pound “por estúpido”. O pobre Abercrombie, que era pequeño como unha mioca, tivo a sorte de que o seu opoñente lle permitiu elixir as armas. Foi a súa salvación. Decidiu que o encontro consistiría nun bombardeo mutuo a librazos, empregando cada un os exemplares non vendidos das súas respectivas obras. A pesar de que chegou ao campo practicamente desarmado, todo quedou en nada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de novembro de 1997.