La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha señora indignada parece que lle pegou cun lacón na cabeza ao seu home. A arma, polo visto, estaba sen preparar, é dicir, que aínda non fora cociñada. Non é a primeira vez que se utiliza un anaco de porco para agredir a unha persoa. Hai anos, cando empezaron a instalarse en Galicia as grandes tendas de alimentación, circulou por todo o país adiante o rumor de que na Coruña, un marido irritado pola voracidade compradora da súa muller, que enchera o carro dunha maneira que a el lle pareceu desmesurada, ao chegar á caixa, supoño que como consecuencia do monto da factura, colleu un xamón e descargoullo enteiro na cabeza. Son formas primitivas de castigar, que corresponden a un pobo que nestas cousas non se fía aínda da modernidade.

Cando eu era estudante en Santiago, un día asistín a unha vista oral daquelas que celebraba a Audiencia da Coruña no Pazo de Raxoi para que os estudantes de Dereito se fosen familiarizando coa súa futura profesión, e vin como xulgaban a unha muller que lle quitara un ollo ao seu home utilizando unha arma aínda moito máis primitiva: un penico ou vacenilla.

Antes utilizábase moito nas agresións, o coitelo de matar os porcos. Tamén as machadas ou as gadañas. Todo moi simple. A min, a única vez que me agrediron, cando tiña seis ou sete anos, foi co óso dun can, que o meu veciño Luís Pérez Losada, máis tarde oficial do Exército, me estampillou no cogote, o cal non impediu que, pasado algún tempo, volvésemos ser amigos. No fondo, máis ca unha ofensa, aquel golpe foi coma se compartísemos o óso nun banquete con remate en discusión. En cambio, o problema da señora que se valeu do lacón contra o seu home é que, sen cociñar, resulta difícil de compartir.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de novembro de 1999.