La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Aproveitei as horas de espera entre o avión que me traía de Baltimore e o que me tiña que levar ata Madrid, para dar un paseo por Nova York. O día estaba radiante e ía bastante calor. Entrei no Museo de Arte Moderna para ver unha vez máis eses cadros que un aprendeu a querer hai anos: xa se sabe, Jackson Pollock, Willem de Kooning, Barnett Newman… Despois perdinme polas rúas do centro sen rumbo, a gozar das marabillas dunha cidade que uns odian con carraxe e que outros amamos con entusiasmo case infantil.

Pasei tamén pola librería Gotham, tan destartalada e vella, onde os letreiros das distintas seccións aínda están escritos a man, con caligrafía amorosa, iso si, ben diferentes dos rótulos industriais, perfectos de execución e deseño, de Barnes and Nobel e outras tendas de libros da Quinta Avenida, ordenados e asépticos como farmacias.

Por último, antes de regresar ao aeroporto, xa pola tardiña, detívenme un momento nun coñecido posto de periódicos da rúa 42 co fin de aprovisionarme de lectura lixeira para a viaxe. De súpeto, os ollos foron dereitos cara aos grandes titulares dun diario que anunciaba en enormes letras negras a posibilidade de que no estado de Nova York se implante tamén a pena de morte, tal como se prometía no programa do gobernador republicano, recentemente elixido. Escuso dicir que unha sombra de tristeza escureceu para min a última luz do día.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de novembro de 1994.