La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nesta terra de Galilea, en pequenos lugares situados á beira do lago, transcorreu un anaco da vida pública de Xesús de Nazaret. Confeso que a maior parte deles non me dixeron case nada. No monte Tabor, onde tivo lugar a Transfiguración, todo se botou a perder cando un frade nos amosou a marca do pé de Cristo. Na colina do Sermón da Montaña, parece un sarcasmo que o templo que conmemora un dos discursos máis fermosos da Historia fose construído por Mussolini. No río Xordán, venden botellas de auga a tres dólares, mentres centos de turistas americanos vestidos con túnica branca se bautizan por inmersión entre aplausos.

Cafarnaún é diferente. Esa foi a aldea na que viviu Xesús. Por fortuna, ninguén pretende coñecer cal era a súa casa, aínda que está sinalada a que pertenceu a Pedro. Abonda con entrar no que queda da sinagoga, onde el falou, para deixarse levar pola emoción. E sobre todo, mirar arredor: os camiños, as vistas sobre o lago ou os perfís das montañas que o rodean, incluídos os célebres altos do Golán.

Ese monte simboliza en parte a traxedia deste país. Por certo que, entre os meus compañeiros, vexo a algúns deles preocupados coa crise de Iraq, sobre todo desde que se soubo que as autoridades de Israel repartiran máscaras de gas en prevención de calquera ataque de represalia. Esperemos que non pase nada, pero en todo caso, se pasase o peor, haberá que seguir o consello que lle deu unha nena pequena, filla dunha amiga miña, á súa nai: “Mira, mamá, se hai guerra, ti mantente á marxe”. Son palabras dunha sabedoría apabullante, moi difíciles, polo tanto, de cumprir. Mentres tanto, o mellor será gozar do presente. Mañá escribirei desde Xerusalén.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de novembro de 1998.