La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai unha lenda nacida arredor do mundo do crime, en Nova York, que asegura que nunha data determinada, unha das letras do rótulo luminoso que hai en Central Park se apaga durante unha noite enteira. É unha homenaxe do destino a un dos gánsteres máis famosos da cidade, o nome do cal empezaba precisamente por esa letra. Era un xudeu pequeño e intelixente, cruel e magnánimo, nada mesquiño. Metéronlle unha bala na ingle no trasteiro dun hotel e alí mesmo se desangrou como un tigre solitario.

Este mundo tenebroso está cheo, non obstante, duns tipos magníficos, nada vulgares, capaces de grandes xestos, tamén coa alma ateigada de sangue. Por riba da cualificación moral que nos merezan, está claro que como personaxes deron orixe a toda unha mitoloxía, ben recreada en múltiples novelas e películas.

Eu non sei como se podería levar ao cine ou a unha novela a estes personaxes que empezan a aparecer na vida española e que veñen ser como os equivalentes ibéricos dos mafiosos americanos. Desde logo, non dan demasiado de si para crear unha épica da maldade ou do pecado. Parecen máis ben xentes sen interese, incapaces dun xesto espectacular, agarrados ao mundo da electrónica e á perralla das cintas, os vídeos, as fotocopias e as chamadas telefónicas. Estou seguro de que, por non ter, non teñen sequera pistola.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de novembro de 1995.