La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Sucédeme con frecuencia que palabras que para min son de uso normal, porque as aprendín de rapaz, algunhas persoas non as entenden cando as emprego, probablemente porque non teñen máis que unha circulación de tipo local. Ocorreume o outro día co verbo “guichar”, que nas terras da Limia coñece todo o mundo e que se utiliza co significado de ‘mirar sen ser visto’ ou ‘vixiar a outra persoa desde un lugar oculto’. Ás veces, por exemplo, as parellas de mozos cazaban aos nenos guichando.

Había rapazolos que acababan tendo fama de guichóns, o cal non estaba ben visto; como un compañeiro meu de escola, do que non direi o nome para que non se sinta avergonzado, pero que pasaba o día guichando detrás das paredes ou subido nas árbores, velando aos mozos e ás mozas que se escondían para bicarse.

Isto de guichar acáelle moi ben a esa prensa que agora se dedica ao mesmo mester. Hai quen pensa que ese tipo de periodismo, por repugnante que sexa, está lexitimado pola liberdade de expresión. Parece unha xustificación demasiado nobre para unha trivialidade semellante. É como se dixésemos que as persoas que se dedican a espiar aos demais a través das pechaduras das portas son sociólogos que pretenden observar a realidade oculta da vida. Si, pero algo mal educados tamén parecen.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de novembro de 1993.