La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Coñecín a Novoneyra en Ourense, cando el xa era un poeta consagrado e eu andaba rematando os meus estudos no instituto. Apareceu un día na tertulia de Vicente Risco, no café Parque, levado polo seu colega Antón Tovar. Era un mozo forte e moi simpático, que nos tratou con verdadeiro afecto aos rapaces que daquela aspirabamos a ser tamén escritores. Recordo aquel día perfectamente, os bares onde estivemos, con el recitando versos e nós mirando case extasiados. Nun momento, volveuse cara a min e preguntoume:

“¿E ti liches a Arcadio López Casanova?” Eu non sabía quen era, pero aclaroumo deseguido: “Pois ten a túa idade e é autor dun libro de versos prohibido pola censura”. Aquel sería despois un dato fundamental na miña vida. Uns meses máis tarde, cando me fun examinar a Santiago para o ingreso na universidade, merquei aquel libro nunha librería da que xa falei aquí. E ao empezar o curso en outubro, pola foto que viña na lapela da obriña de Arcadio, recoñecín a este na porta da facultade e dirixinme a el. Fixémonos amigos e aquela mesma tarde xa me levou a unha xuntanza de rapaces galeguistas.

Así me fixen eu escritor en galego. Posteriormente, Novoneyra marchou a Madrid, pasou alí uns anos e non volvín saber del durante tempo, aínda que o escoitaba recitar versos na televisión case todas as noites, despois do último telediario. Cando regresou a Galicia, non tiven apenas trato con el, tanto que dubido que chegase a saber nunca a importancia que tivo para min aquel encontro en Ourense. Por outra parte, con Arcadio, con quen logo compartín dormitorio na época de estudantes, recitei moitas veces versos de. Os eidos, que sabiamos de memoria. Sirvan estes recordos de homenaxe.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de outubro de 1999.