La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O mércores pasado, ao rematar unha conferencia que dei na Coruña, achegáronse dous rapaces licenciados en Dereito a falar un momento. Traían uns libros que querían que lles firmase e empregaron os escasos minutos que estivemos de parola para dicirme que lles gustaría viaxar polo mundo adiante, un privilexio dos escritores que a eles lles causaba envexa. Non sei se me puiden explicar como quería porque había moita xente e tampouco resultaba fácil charlar comodamente no medio de tanto barullo.

O de viaxar está ben, sobre todo cando gusta, pero iso ocorre con menos frecuencia do que eles imaxinan. Quero dicir que a maior parte dos días un está na casa, metido entre as catro paredes do cuarto, agarrado ao ordenador, tecla vai e tecla vén, facendo os traballos ineludibles de cada xornada,exactamente como agora.

Non vou negar que unha das satisfaccións que procura esta manía de escribir é precisamente a oportunidade que nos dá de participar en congresos noutros países e tratar con xentes curiosas, descontados os pelmas que un atopa tamén en todas partes. Con todo, as alegrías maiores proceden de persoas como este par de mozos que me viñeron falar o outro día. Ter amigos descoñecidos que lle queren ben a un é bastante máis fermoso que pasar unha tempada en calquera lugar do mundo, por bonito que sexa.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de outubro de 1995.