La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Para que Dimitri Poliakov me caese simpático, abondaría cunha afección que compartimos: o noso gusto común polas ferraxerías. Non me estraña, polo tanto, que cando os responsables dos servizos secretos americanos lle quixeron pagar os seus traballos de espía, o axente ruso renunciase a calquera retribución e pedise a cambio ferramentas e artigos de pesca. A sorpresa no cuartel xeral acabouse convertendo en motivo de bromas. Eu poderíalles explicar, non obstante, por que un home chega a comportarse dun xeito tan diferente.

Tamén o puideron entender eles cando lle dixeron que ogallá chegase o día en que el vivise tranquilamente nos Estados Unidos. Naquela ocasión, Dimitri Poliakov deulles unha clave que os americanos non souberon descifrar: non facía todo aquilo por América, senón por Rusia, o país que amaba e onde quería vivir en liberdade.

Durante a conversa, sen perder o sorriso, insinuou que probablemente non chegaría a ver ese día e que, con máis seguridade, acabaría sepultado no anonimato dunha foxa común. Non se equivocaba: foi executado o 15 de marzo de 1988 e enterrado nun lugar descoñecido. O culpable, Aldrich Ames, un espía americano que delatou ao seu colega ruso a cambio de dous millóns e medio de dólares. Condenado a cadea perpetua, o diñeiro de pouco lle vai servir no cárcere. Máis útiles lle serían agora algúns produtos de ferraxería.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de outubro de 1994.