La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Teño un amigo que de cando en vez, sobre todo nos fins de semana, chámame para anunciarme a súa visita ou para invitarme a súa casa. Faino case sempre á mesma hora, cando el calcula que xa fixen e mandei esta crónica diaria. Para cerciorarse de que foi así, faime unha pregunta: «¿Xa fixeches a mentira?». Non é que estea convencido de que invento as cousas das que trato aquí, pero gústalle gastarme esa broma, que acepto, ata o punto de que, con frecuencia, eu mesmo lle digo ós meus: «Vou facer a mentira».

Esta cuestión de se son certas as historias que conto nos meus artigos ou se son reais os personaxes dos que falo téñenma preguntado non pouco lectores e amigos. A graza está en que sexa verdade. Fago esta introdución porque o artigo de hoxe quero dedicarllo a ese amigo meu, home de empresa, dada a natureza do significado que encerra. Sucedeume onte pola mañá, en Madrid, mentres almorzaba nunha cafetería do centro, facendo tempo para achegarme ó Ministerio de Cultura, onde tiña que participar nun dos xurados do Premio Nacional de Literatura. Preto de min, nun recuncho do local, atopábase un limpabotas, dos poucos que quedan, á espera de que algún cliente solicitase os seus servizos.

Nese momento entrou un individuo con ese aspecto que eu chamo o «delgado nacional», unha delgadeza que só se dá en España: barriga metida para dentro, ombros escasos, pómulos marcados e cetrinos, bigote estreito como unha raia pintada. Nada máis achegarse ó limpabotas, en ton amistoso de vellos colegas, preguntoulle: «¿Que tal la bolsa?». Antes de que eu pensase que se trataba da recadación do oficio, chegou a resposta: «Non me queixo. Vaime bastante ben con Telefónica». Quedei estupefacto e máis aínda cando escoitei falar a continuación do Ibex 35. Por último, o delgado foise e despediuse cun contundente e cariñoso «adiós, Botín ». Sen inmutarse, este púxose a recitar: «¡Limpia!».

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de outubro de 2000.