La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En Bosnia, un neno pasou varios días escondido nun soto en compañía dunha rata, da que se fixo amigo e que agora quere levar para a súa casa. Aínda que é feo e repugnante, o bicho parece pacífico. Os pais do rapaz, felices pola recuperación dun fillo que daban por morto, están dispostos a aceptar o animal, pero os veciños non pensan da mesma maneira e quéreno matar. De momento, a rata vive nunha horta e cada vez que recibe a visita do amo, ponse contenta e fai festas como se fose un can pequeno.

Entre a bichería, igual que ocorre coa xente, ás veces as aparencias enganan. Debaixo do aspecto repulsivo dunha rata noxenta pódese atopar un corazón delicado. O contrario do que sucede coas pombas, por exemplo, que teñen tan boa fama en todo o mundo e que non obstante parece que non son boas persoas.

Desde logo, o neno bosnio tivo sorte coa rata. Na escuridade do seu refuxio puido ser descuberto por soldados inimigos, delincuentes perversos ou calquera outra clase de tipos desalmados. De todos os encontros posibles, quizais foran estes últimos os máis perigosos, probablemente os que el tratou de evitar cando se escondeu. Entre os homes e a rata, a elección do neno, tendo en conta a experiencia que acaba de vivir, parece razoable e natural. Máis aínda cando os veciños lla queren matar.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de outubro de 1993.