La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte estiven en Madrid para participar nunha mesa redonda de novelistas españois e portugueses nunhas xornadas que se celebran estes días na capital. Quixo a fortuna que os outros catro compañeiros desta modesta aventura fosen tamén bos amigos: Rosa Regás, Natalia Correia, Lydia Jorge e Antonio Almeida Faria. Como ademais non se trataba de discutir nada, senón de falar cada un das cousas que escribe, a reunión non podía ser máis grata. Por outro lado, aínda que dicilo pareza cinismo, o mellor deste tipo de xuntanzas vén despois, cando xa non hai público e un pode falar con total liberdade, sen a obriga de dicir xenialidades, unha peste que xeralmente leva sempre a dicir estupideces.

Antes de celebrar a mesa redonda, un equipo de televisión pediunos que actuásemos para un programa. Digo actuar, porque iso foi o que nos pediron. Había unha señorita moi amable que nos indicaba o que tiñamos que facer en cada momento: saír do hotel, xirar á esquerda e parar; continuar logo na mesma dirección facendo que falabamos entre nós, aínda que nos dixésemos nada (eu aproveitei para preguntarlle a Natalia se lle sentara ben o xantar, pois a min sentárame fatal); despois, entrar nunha librería.

Na librería pedíronnos que collésemos libros na man, que falásemos entre nós da historia esa do plaxio que está de moda e que eu lles preguntase aos meus colegas portugueses se no seu país un escritor pode vivir da literatura. Obedecemos e fixemos todo canto nos solicitaron, incluso que mercásemos un par de libros para filmarnos despois na caixa, no momento de pagar. Natalia mercou poemas de Valente, Lidia levou un libro de Claudio Rodríguez e Antonio saíu cunha novela de Vila Matas. Eu non lle quixen arruinar o programa á directora, de xeito que en vez de comprar un libro, decidín mercar un afíalapis que tiña a forma dun cogomelo. Supoño que nun programa de televisión queda mellor.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de outubro de 2000.