La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, o editor alemán de Paulo Coelho quixo xuntar nun hotel de Frankfurt a todos os editores do mundo que teñen publicado, ou van publicar, como é o caso de Galicia, ao famoso escritor brasileño. Eramos arredor de corenta, cada un do seu país, unidos por un fenómeno raro que percorre o mundo da edición. De súpeto, un novelista que pasou por unha etapa difícil nos comezos, a quen ninguén lle quería publicar un libro, converteuse nunha peza cotizadísima a nivel internacional. Hoxe hai editoras de moito prestixio que tiveron a oportunidade de ter este autor no seu catálogo e non o fixeron, que darían centos de millóns de pesetas por rectificar.

Na reunión de Frankfurt, Coelho presentouse coa indumentaria e o aspecto que podían agardar del os seus admiradores, sobre todo os máis novos: chaqueta negra, camisa a cadros grandes e pantalóns engurrados e recollidos sobre as enormes botas de piso de goma.

Polo demais, o pelo curto, case rapado, remataba nunha coleta discretísima, como un rabiño que lle saíra da cabeza á altura do cogote. Os editores falaban do fenómeno. O alemán deu unha cifra que impresiona: Paulo Coelho leva vendidos en todo o mundo algo máis de sesenta millóns de libros. Houbo quen se puxo a botar contas e saíron cifras de mareo. Tirando polo baixo, iso significaría que o escritor gañou máis de nove mil millóns de pesetas por dereitos de autor. Se a tirada se fai cara ao alto, teriamos que engadir uns tres mil máis. É dicir, como ter unha fábrica ou un banco pequeno. Parece unha boa noticia que un señor, escribindo libros, gañe tanto diñeiro. Non me estraña, que onte, na reunión de Frankfurt, os pinchos estivesen tan bos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de outubro de 1997.