La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O venres pola tarde, corresponsables da editorial que publica os meus libros en Madrid convidáronme a saudar a Günter Grass, premio Nobel de Literatura deste ano, que ese día, a iso das catro, ía visitar o posto de libros que aqueles teñen instalado na feira de Frankfurt. Estivemos agardando, pero finalmente, como ocorre tantas veces en casos así, o escritor non apareceu. Ninguén sabía explicar exactamente cal fora o motivo do plantón, aínda que circularon varios: desde que estaba moi canso, pois estes días andou dun lado para outro, sometido á presión das televisións e os periódicos de todo o mundo, ata que lle xurdira un compromiso de última hora, ineludible e inaprazable. Tratándose dun home serio, seguro que foi algo dese estilo.

Onte non obstante, dixéronme que a razón fora moito máis sinxela. Polo visto tiña un acto no pavillón de Hungría, moi distante do de España, xa que aquí, como teño comentado, no feiral hai quilómetros de corredores que percorrer entre os lugares que ocupan as editoriais dos distintos países. Pois o novelista alemán foille imposible, asaltado por cámaras, periodistas e curiosos.

A min gustoume que Günter Grass se convertese no centro da feira, aínda que xa sei que non todo o mundo que lle amosa estes días a súa devoción son auténticos lectores, senón fetichistas que gozan estando perto dun home que, hoxe por hoxe é un dos escritores máis famosos e admirados do mundo, en parte grazas aos medios de comunicación. Claro que iso non dura sempre. Por exemplo, onte andaba pola feira o ex-chanceler Kohl a quen vin paseando polo pavillón alemán: nin cámaras detras del nin sequera simples curiosos, soamente un amigo que o acompañaba naquela ocasión. Xa lle pasou o momento.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de outubro de 1999.