La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un amigo comentábame o outro día que actualmente apenas se emprega, ou se emprega pouco, unha expresión que antes era moi frecuente: “Comer cos ollos”. Creo que xa me falara disto noutra ocasión. A min ocorréuseme dicirlle que esa maneira de expresarse debe corresponder a épocas de fame. Agora a xente come simplemente coa boca. O último caso que eu coñecín dunha persoa que comía cos ollos foi un neno francés que  estivo na nosa casa hai tres ou catro anos e que, cando vía a comida na mesa, se non o servían a el de primeiro, botábase a chorar por medo a que non chegase para el. Era unha cousa rara, pois procedía de casa farta.

En épocas de abundancia, non se come cos ollos, pero si que se come coas palabras. Quero dicir que a xente adoita falar dos asuntos de comer cunha alegría tan grande que lle permite gozar do xantar por dúas veces: unha, cando se consome; outra cando se conta. Mesmo hai unha historia da gastronomía escrita por un coñecido periodista francés que se titula algo así como “Un festín de palabras”.

Recentemente, cando estaba en Nova York, un día merquei unhas salchichas na tenda que, tomadas pola noite na terraza da casa, acompañadas por unha cervexa fresquiña e rematadas cun puro pequeno, me depararon uns momentos gloriosos. Eu mesmo non entendía por que tan pouca cousa me fixera tanto ben. Esa foi a razón de que repetise ao día seguinte. A miña sorpresa foi cando lin no paquete unha frase que me chamou a atención. Dicía: “Supervisadas por un rabino”. Decateime de que era comida “kasher”, preparada de acordo co rito xudeu. De pronto foi como se un rabino pequeniño coma unha faba andase cantando dentro do meu estómago.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de outubro de 1998.