La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Había un asasino na miña vila, da raza daqueles bárbaros que na guerra se dedicaron a pegar tiros na nuca, que despois do conflito foi sometido a un illamento absoluto por parte dos veciños. Cando morreu, durante a misa do funeral, á cal asistiron escasísimas persoas, o cura da parroquia, que era grande, inocente e bo, fixo un eloxio tonto do morto que lle foi afeado por un fregués presente na igrexa, o cal estaba disposto a perdoar como cristián que era, pero non a soportar aquel panexírico falso, retórico e innecesario.

Na conversa que mantivo co cura na sancristía, díxolle que non se podía facer unha oración fúnebre como aquela, pois entre outras cousas, o finado matara un viaxante de comercio só para roubarlle as magníficas botas que traía. O crego, sorprendido, respondeulle que el sabía que matara, pero non que fose tan malvado.

En parecidas disquisicións morais andan metidos estes días os amigos e os inimigos do novelista francés Louis-Ferdinand Céline. O que se discute agora é se este escritor, tal como asegura o seu colega alemán Ernst Jünger, durante os anos da ocupación de Francia pedía a berros nos salóns do Instituto Alemán de París que os soldados nazis fusilasen e aforcasen os xudeus. Confeso que a min tanto me ten: Céline escribiu contra os xudeus cousas tan ruíns naqueles anos que lle aseguran para sempre un posto entre a canalla.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de outubro de 1994.