La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A primeira sensación que tiven ao baixar do avión, na Habana, foi a de entrar nunha sauna: unha calor húmida que se apodera das persoas e que converte o corpo nunha masa preguizosa e torpe, disposta á vagancia. Menos mal que empezou a chover e a noitiña resultou moi agradable, sobre todo á beira do mar, que é onde está o hotel. Por certo que no mesmo vestíbulo hai unha tenda de puros para perder a cabeza. Aínda que o máis probable, se un se deixa levar polo entusiasmo, que perda a carteira.

Agora mesmo, cando escribo estas liñas, son as seis da mañá e fóra está completamente escuro. Erguinme cedo por culpa do cambio de hora, que ten unha diferenza de cinco con España, e porque me agradaba ver a saída do sol no trópico. Haberá que agardar porque aínda é noite pecha. A calor, non obstante, é xa abafante.

Aproveito, polo tanto, para escribir esta nota e para preparar a primeira das conferencias que teño que dar, que será hoxe ás once no Capitolio. Convén esmerarse porque un periódico de Madrid, especializado en furias e arrebatos, xa nos puxo a caldo antes de empezar. Na edición do venres aseguraba que viñemos a Cuba a buscar mulatas, bañarnos nas praias e non sei que máis. Supoño que saben que iso non é serio, pero débelles parecer unha boa maneira de armar camorra, que é do que se trata.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de outubro de 1995.