Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es
La Voz de Galicia
Blogs de lavozdegalicia.es
Á marxe do tempo

Bruto

26 de septiembre de 2012 a las 0:07

En Beiro, o lugar ao que me referín onte, había algunha xente daquela que lle chamaban da “cáscara amarga”. En realidade, eran comunistas que traballaban nas obras do ferrocarril. Un deles, segundo se contaba na casa, un día achegouse de noite cun martelo, alá polos anos da República, e púxose a machacar a placa do Sagrado Corazón de Xesús que había na porta do patio. Por milagre, pouco tempo despois, cando empezou a guerra, salvou a vida. É un dicir, porque en realidade non se tratou de ningún feito sobrenatural, senón de que o meu tío, a pesar de ter moi mal xenio e ser ultraconservador, era tamén un home de bo corazón e foi testificar a favor do bruto dicindo unha enorme mentira: que asistía á misa todos os domingos.

Durante anos, eu mirei aquel señor de mala maneira. Mesmo non estaba moi seguro de que merecese vivir, pois naqueles tempos aínda non aprendera que unha persoa vale máis que unha placa, aínda que esta representase o Corazón de Xesús. Nunca lle cuspín na cara porque a educación mo impedía, pero ese sentimento de noxo pasoume moitísimas veces pola cabeza. Co paso do tempo, aprendín a miralo dunha maneira máis humana e comprensiva, pero nunca con simpatía, máis que nada polo fanatismo do xesto aquel de machacar a placa, fose cal fose o significado dun feito tan pouco civil.

A última vez que o vin, sendo el un velliño e eu un rapaz coa carreira recén rematada, parouse a parolar comigo diante do cruceiro, a pesar de que nunca antes cruzaramos unha soa palabra. Falou desas cousas intranscendentes das que se fala cando un necesita un pretexto para saudar a outro. Pareceume unha boa persoa, algo atravesado, quizais, pero bastante benigno.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de setembro de 1999.

Marxe
Escrito por amarxedotempo Comentar
Facebook Tuenti Twitter Google Buzz Meneame.net

Deja tu comentario