La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O gobernador Bush, que ten moitas posibilidades de converterse no próximo presidente dos Estados Unidos, dixo o outro día que no seu país hai un gravísimo déficit de amor. Supoño que non se refería a ningunha estatística ou estudo sociolóxico concretos, como aquel ministro de Franco que un día lle revelou á revista católica fancesa Esprit, que en España, segundo investigacións moi fiables, despois de 1936 ían ao inferno un sesenta por cento menos de almas que antes da guerra civil. Parece que Bush aludía a eses crimes colectivos tan frecuentes en América, nos que sempre sucede o mesmo: un tolo colle un rifle e ponse a matar a todo canto ser humano pilla por diante.

Este tipo de sucesos non son novos naquel país, pero o gobernador pensa que agora son máis ca antes e que se deben a unha falta de amor. Está no seu dereito de pensar así, aínda que el mesmo ten nas mans unha parte da solución do problema: non aplicar as penas de morte que con tanta frecuencia ditan os tribunais do seu Estado. Sería un bo camiño para incrementar o amor que bota en falta.

Dese xeito evitaríase ademais ese espectáculo tan pouco cristián de permitirlles aos familiares das vítimas dos asasinos asistir á execución destes últimos, o cal se parece máis a un acto de vinganza que a unha manifestación de perdón. En vez diso, Bush propón oracións, que non está mal, sobre todo para a xente relixiosa, sempre que esta non pertenza á caste deses devotos furiosos que escoitan arroubados os predicadores da televisión que sementan o odio cos seus sermóns. En todo caso, ademais dos rezos, tamén se podía axudar un pouquiño procurando que non haxa tantas persoas con armas no seu poder. Sen pistolas, seguro que aumentaría bastante o amor.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de setembro de 1999.