La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Dicir que o inglés desaparece de Nova York sería con seguridade unha afirmación arriscada, pero non un completo disparate. En realidade, na rúa non deixa de escoitarse falar en español, aínda que tamén noutras linguas, como chinés e ruso. No metro, por exemplo, os anuncios aparecen en inglés e español, e nesta lingua hai varias cadeas de televisión, que por certo son bastante malas. Trátase dun idioma que para nós resulta pintoresco, calcado sobre o inglés. “Entre más viajes haga, más barato será para usted”, di a publicidade das tarxetas para andar no metro. Tamén vin nalgún sitio a palabra “injurias” como tradución de “injures”, que son lesións.

O outro día, uns amigos que me estaban esperando á saída da universidade foron abordados por unha rapaza, micrófono en man, seguida dunha cámara de televisión, que andaba facendo preguntas pola rúa. Os meus amigos finxiron non entender, porque non lles apetecía saír no programa.Entón a rapaza volveu os ollos cara ao ceo, desesperada, e dixo: “¡Nesta cidade ninguén fala inglés!”.

Onte mesmo estiven vendo na televisión un debate para as eleccións do senado, na que participaba un candidato de apelido hispano. Falaba un inglés calamitoso, tanto que parecía parvo, pois as dificultades no uso da lingua obrigábano a unha expresión case infantil. Supoño que se desquitará cando lle toque falar polos canais da súa lingua. Sen dúbida, o citado candidato terá a nacionalidade norteamericana. Para conseguir esta hai que pasar unha especie de proba, na que non se require o coñecemento do inglés. Iso hai que colocalo entre as virtudes dunha sociedade chea de defectos, pero que é moi aberta en cuestións de burocracia e papeleo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de setembro de 1998.