La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai anos coñecín en Ourense un individuo que presumía de ser un perfecto canalla, o cal significaba en concreto que confesaba abertamente odiar os negros e os xitanos e proclamaba sen pudor a súa admiración por Hitler e o labor de exterminio levado a cabo nos campos de concentración. Non era unha postura destinada a impresionar ou a chamar a atención, senón que se trataba dunha convicción fonda e segura. Iso non impedía que o citado personaxe fose ao mesmo tempo educado, culto e gran lector.

Utilicei o seu exemplo onte nos encontros literarios da Casona de Verines, aquí en Asturias, onde se montou unha longa polémica porque a Constantino Bértolo se lle ocorreu dicir que a literatura serve para que a xente sexa mellor. Naturalmente, eu non comparto esta opinión. Ser malvado non consiste en ser inculto senón en ser ruín.

Por outro lado, a literatura pode servir para moitas cousas: gañar a vida, gozar, emocionarse ou encanallarse. A min, persoalmente, sérveme para pasalo ben, como me sucede cos trens eléctricos, a tertulia cos amigos ou un puriño despois de comer. Outra xente prefire coleccionar selos ou andar en bicicleta. Sería imposible que todos tivésemos as mesmas afeccións. Por certo que o martes pola noite houbo tormenta. Deixei a novela que estaba lendo para presenciar a loucura de raios e tronos que caía sobre o mar.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de setembro de 1995.