La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, despois de cinco horas de coloquio na Casona de Verines, marchamos a Llanes, que queda a uns vinte quilómetros, para cear alí, invitados pola Fundación Príncipe de Asturias. Tendo en conta a categoría do anfitrión, non será necesario que diga expresamente en que consistiu a cea, pois non resulta difícil imaxinar que foi exquisita. Naturalmente, cometimos todos eses pecados modernos que ten establecido a Medicina, pero é que non hai maneira de gozar un pouco da vida se non se peca contra algo.

Llanes é unha vila moi fermosa, bastante ben conservada, con restos nobres na parte medieval, incluído un fragmento da antiga muralla. O mar que a rodea é un mar bravo, pero moi controlado por unha costa valente, cortada a pico na pedra. Ao fondo da cidade, car ao sur, a mole impoñente dos Picos de Europa sobrecolle.

Na vila están de festas. Agora tocan as da Virxe da Guía, así como o mes pasado foron as de San Roque. Cada advocación ten os seus partidarios, segundo me contou o chofer do autobús, que tamén me dixo que o outro día quedara moi sorprendido de ver un veciño vestido con roupa de traballo. Como pensou que se podía deber a un erro, recordoulle que era festivo. O outro, case ofendido, respondeulle que el só se vestía para o seu santo, é dicir, para San Roque, e non para a Virxe, á cal non lle debía nada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de setembro de 1996.