La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai uns días, nun restaurante ofrecéronme probar unhas angulas (ou meixón, como lle chaman en Tui), pero non auténticas, senón sucedáneas. Polo visto, segundo me explicaron, é un produto de imitación, fabricado a partir de peixe, que se emprega como alternativa máis barata, tendo en conta os altos prezos que as angulas verdadeiras alcanzaron no mercado. Guiado polos principios máis que pola curiosidade, dixen que non, aínda que despois me arrepentín: sempre é mellor aprender algo novo, aínda que sexa no mundo da gastronomía, que quedar co sabido. Esa é razón de que agora non poida falar con coñecemento deste asunto.

Coas angulas hai tempo xa que había trampa: as famosas de Aguinaga non eran de alí, polo menos a totalidade, senón do Baixo Miño, aquí ao lado. Supoño que outro tanto debía pasar con aquela carne de Moaña que antes era obrigada en todas as cartas dos restaurantes madrileños, ou cos pementos de Padrón, ou coas patacas da Limia, por non falar do viño do Ribeiro que antes daban nas tabernas.

Non hai motivo para escandalizarse, pois tampouco a ponte romana de Ourense é romana, pero sobre todo, como ditaminou o Papa recentemente, o inferno non é inferno, xa que non ten lume, nin no ceo reparten viño doce con galletas. Neste último caso, a min gústame que sexa así, da mesma maneira que prefiro que Deus non gaste barba. Nos outros, en cambio, non estou de acordo co fraude. Hai anos, unha noite, en Benidorm, un caribe levoume a un café no que me dixo que abundaban as suecas. Presentoume a tres ou catro, loiras, altas e de ollos azuis, como mandan os canons. Con todo, como puiden comprobar, eran todas alemás.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de setembro de 1999.