La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Se a un lle preguntasen que é o que máis lle impresiona de Berlín, a resposta sería tan difícil como longa e variada. Sen saír do ámbito da cultura, a lista de marabillas que a un lle gustaría ter no seu país sería practicamente interminable, empezando pola Filarmónica, seguindo pola Biblioteca Nacional e continuando pola famosa figura de Nefertiti no Museo Exipcio. Digo continuando e non rematando, porque non parece fácil poñerlle fin a calquera lista das moitas posibles, todas desexables.

Con todo, se a un lle gustase levar consigo algo de aquí, sería quizais o transporte público, ese prodixio de comodidade, rapidez e eficiencia. Son este tipo de cousas as que contan a verdade sobre a boa organización dun país. O resto, incluídos os museos, os teatros e as bibliotecas, non é máis que unha consecuencia.

Unha sociedade que resolve ben, con antelación e para moitos anos, estas cuestións prácticas, é unha sociedade que tamén resolve outros problemas. Por Berlín circúlase coa mesma perfección que se escoita música na sala incomparable da Filarmónica ou coa mesma facilidade que se consulta unha revista galega na Biblioteca Nacional. Seguro que se en Galicia tivésemos un tren que nos levase nunha hora de Vigo á Coruña, por exemplo, tamén teriamos todo o resto que nos falta.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de setembro de 1994.