La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

As persoas que coñeceron a Wyatt Earp na última época da súa vida, alá polos anos vinte, coinciden en dicir que pasaba o día comendo caramelos e que durmía sempre coa luz acendida porque tiña medo. Falaba ademais coa voz tomada dun crequiñas sen alma e gastaba un porte moi pouco marcial, co peito afundido cara a dentro, o que lle daba ao seu corpo encollido o aspecto un pouco ridículo dun plátano xigante. Devecía por contarlle a súa vida heroica a todo o nundo, razón suficiente para que a xente fuxise del por pesado.

Conta John Ford que cando el era un personaxe insignificante os estudos cinematográficos, en tempos do cine mudo, antes de chegar a ser o gran director que foi, escoitoulle contar a Wyatt Earp o célebre encontro que tivo coa temida banda dos Clanton en O. K. Corral, e que daquela conversa naceu My Darling Clementine.

Na magnífica película de Ford, Wyatt Earp está encarnado por Henry Fonda e a matanza final entre os homes deste e os bandidos de Ike Clanton convértese nunha perfecta manobra militar, tal como o protagonista histórico lla contou. Agora, unha vez máis, a vida deste personaxe lendario volve ao cine, nesta ocasión da man de Lawrence Kasdan, coa pretensión, polo visto, de destruír o mito inventado por Ford. Esperemos que a rexa figura creada por este non acabe sendo a dun vello pelma que come caramelos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de setembro de 1994.