La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No ano 1943, unha nena de trece anos chamada Lorraine Makler, residente en Filadelfia, nos Estados Unidos, escribiulle unha carta ao seu actor favorito, Ronald Reagan, na que lle confesaba a devoción que sentía por el. Pouco tempo despois, a rapaciña recibiu a resposta de agradecemento, que incluía unha fotografía co autógrafo do seu ídolo. Nada raro, se temos en conta que a admiradora formaba parte dun club dedicado ao famoso actor americano e que este coidaba moito os asuntos relacionados coa súa promoción. O que non resulta tan normal é o feito de que desde entón se iniciara unha correspondencia que ía durar máis de cincuenta anos.

As misivas que Lorraine recibiu en todo ese tempo, desde que Reagan era un actor especializado case en exclusiva en papeis de vaqueiro do oeste, ata que se converteu en Presidente dos Estados Unidos de América, forman agora un pequeno e valioso arquivo, con máis de trescentas cartas, a maior parte delas escritas a man, algunhas de seis páxinas. Agora irán parar á Biblioteca Ronald Re agan.

Polo que acabo de ler nunha revista americana, as ideas de Reagan que se poden deducir da lectura destas cartas non chaman a atención por intelixentes e, ás veces, son moi simples, como sucede cando fala de política internacional ou cando explica en que consiste o comunismo. Desde logo, se xulgamos o personaxe por estes escritos, non parece ter demasiado interese. Non obstante, hai un feito que resulta atractivo: esta fidelidade e constancia amistosa durante máis de medio século cunha muller normal, da que non podía esperar nada, a non ser a devoción desinteresada que sentía por el. Vese que todo ser humano pode ser admirable por algo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de agosto de 1999.