La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Xa sei que non está ben escoitar as conversas dos demais, pero como a xente fala en voz alta resulta moi difícil non saber o que din, sobre todo nas terrazas dos cafés. Sucedeume onte pola noite en Panxón, mentres tomaba unha cervexa e me dedicaba a observar os movementos dos barcos fondeados no porto, xirando todos ao mesmo tempo, como parvos, na mesma dirección. Un grupo de persoas, ma mesa veciña, todas elas vestidas con roupa mariñeira, comentaba os incidentes dun paseo por mar.

Debo engadir, a xeito de inciso, que estes días vai unha calor tórrida por aquí abaixo, unha circunstancia que fai feliz a moitos, pero que ten tamén os seus detractores. Hai quen prefire que corra algo de brisa ou que estea un pouquiño nubrado, sen chover. En xeral, todo o mundo deplora os aspectos negativos do bochorno.

Estes navegantes dos que falo estaban felices polo ben que o pasaran. As mulleres falaban da calidade do bronceado que se colle nos barcos, mentres que os homes discutían sobre os aspectos positivos e negativos da navegación a vela ou con motor. Pareceume que un dos contertulios, de aspecto pacífico e bondadoso, con cara de home do interior, non estaba moi imposto na materia, tal como se desprendía das preguntas que deixaba caer. Por fin acabou botando unha sentenza: para el, o mellor do mar é que non hai moscas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de agosto de 1995.