La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día, mentres tomaba café cuns amigos pola noite, observei que na mesa do lado estaba un señor a quen nunca tiven o gusto de saudar, pero que coñezo de vista e por referencias, mais que nada porque hai anos vivín a conta del unha situación tan ilustrativa da condición humana como pouco edificante. Aínda non é vello, pero vese que os vinte anos que pasaron desde aquela o fixeron gañar en aparencia. No tempo do que estou a falar tiña fama de autoritario e intransixente, activista dunha organización política na que encaixaba moi ben o seu perfil agresivo.

Coa idade, supoño que minguada polos anos a furia dunha alma disposta a facer maldades contra os demais, recoñezo que gañou: ten un aire patriarcal. Na época de referencias denunciou a un amigo meu, editor e propietario dun periódico, por algún artigo ou algo así, non recordo ben. O que si teño moi viva na memoria é a copia da denuncia, que un alto cargo do ministerio lle fixo chegar amistosamente ao denunciado, e sobre todo unha carta posterior do denunciante, que ignoraba este feito, na que se ofrecía como “humilde colaborador de ese excelente diario”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de agosto de 2000.