La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha tarde dun mes calquera do ano 1931, o fotógrafo inglés Cecil Beaton asistía a unha festa nun piso elegante de Hollywood. Ía vestido con chaqueta branca, pantalóns curtos de pel de serpe tamén brancos, igual que os calcetíns e os zapatos, que eran da mesma color. Unha roupa non menos extravagante que as gasas e o polisón feminino de color rosa que utilizara uns anos antes en Cambridge, no transcurso dunha reunión social organizada para celebrar unha graduación académica.

Gustáballe chamar a atención. Na festa de Hollywood, unha muller guapísima achegouse a el e entregoulle cun sorriso adorable unha flor que acababa de coller nun floreiro. Cecil quedou marabillado: tres anos antes, desgustado porque esta mesma muller non o quixera recibir para facerlle unhas fotos, chamáralle maldita zorra no seu diario.

Era Greta Garbo. A pesar de que a ela non lle gustaban os homes e a el non lle gustaban as mulleres, decidiron xuntarse. Sobre esa relación publícase agora un libro nos Estados Unidos. Á parte de revelacións innecesarias sobre a vida sexual entre ambos, fálase nel da ignorancia supina da Garbo, que non sabía quen era Fellini, por exemplo, e do aburrida, gris e insubstancial que se vía no trato. Con todo iso en contra, non obstante, foi o soño de moitos homes.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de agosto de 1994.