La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando George Bush foi elixido presidente dos Estados Unidos, eu estaba en Nova York e seguín con bastante interese a campaña electoral a través da televisión. Unha noite, antes de ir durmir, escoitei unha señora do Partido Demócrata, intelixente e guapa, moi simpática, duns cincuenta anos, meténdose con sarcasmo co candidato republicano. Entre as moitas maldades que dixo del, unha foi que nacera cunha culler de prata na boca; a outra, moito máis ruín, que Bush sempre lle producira a impresión de ser un deses mozos que aparecen nos bailes da universidade e do que moitas estudantes din: “Ogallá que non me saque a bailar”.

Non sei se o fillo daquel home, que agora aspira a ser presidente dos Estados Unidos como o seu pai, lles produciría ás súas compañeiras de universidade esa mesma impresión. Se xulgamos polas enquisas, non parece que fose así: en xeral, Bush fillo cae ben, tanto ás mulleres como aos homes, resulta fotoxénico e televisivo, ten fama de guapo, e incluso de golfo, o cal pode ser outro punto ao seu favor.

O peor de todo é que os seus rivais e os seus inimigos, ademáis dos periodistas que se dedican a iso, xa empezaron a furgarlle no pasado. De momento, atoparon iso que os americanos chaman “peccadilloes” e que nós chamamos “pecadiños”. Polo visto, tomou cocaína cando era máis novo, tivo afección desmedida á botella e evitou ir á guerra de Vietnam. Ninguén lle reprocha, en cambio, a súa dureza, como gobernador de Texas, na aplicación da pena de morte, da que é partidario entusiasta, non sei se por convicción persoal ou porque sabe que esa actitude lle dá votos. Desde logo, só por esa razón, o meu non o tería. Pero non todos pensamos da mesma maneira.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de agosto de 1999.