La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Na noite do martes reunímonos en Vigo un grupo de amigos e amigas para cearmos xuntos. Facémolo varias veces todos os veráns. O motivo é aproveitar a estancia de Gonzalo Torrente Ballester nestas terras do sur de Galicia para poder falar con el, aínda que despois suceda sempre o mesmo, que el é quen menos fala de todos nós. En cambio, escoita con moita atención, incluso o que se di no extremo oposto ao lugar que ocupa. Quen non o coñeza ben pode pensar que está ausente. Mentira. Non se lle escapa unha mosca.

A novidade da cea do outro día foi que, cando o reloxo pasaba bastante da unha da mañá e os comensais empezabamos a pensar en ir durmir, Torrente arrincou a cantar tangos e produciuse unha especie de milagre. Despois de cinco horas de xuntanza, os rostros recobraron a frescura do comenzo e xa ninguén quería marchar.

Eu tíñalle escoitado tangos a Torrente moitas veces, case sempre recitados en voz baixa na tertulia de Baiona, en xeral como ilustración musical a algún recordo da súa adolescencia. Desta vez, non obstante, tratouse dunha verdadeira actuación: a concorrencia en silencio e el dando as notas unha a unha, sen fallar, e coas letras recitadas palabra a palabra. Ao rematar, con ovación incluída, alguén lamentou non ter alí unha gravadora. Eu creo que estivo ben así. Para estas cousas a mellor memoria é a do propio corazón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de agosto de 1996.