La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un veciño da miña vila quere que lle escriba a biografía do seu pai, un home do que teño falado aquí algunhas veces. Parece que pretende darlle unha sorpresa, agora que vai cumprir non sei cantos anos, pero a verdade é que me vai ser moi difícil compracelo, porque eu non sei a vida deste señor. Con todo, quedou en enviarme os datos, é dicir, os nomes dalgúns antepasados, as datas de nacemento, quizais algúns recordos doutra xente. Cando teña ese material no meu poder, verei se podo redactar uns folios que lle sirvan.

O que eu podería contar deste meu veciño non é moito. Agora acórdome, por exemplo, que cando os rapaces estabamos xogando ao fútbol na estrada de Madrid, pola que transitaba un camión só de cando en vez, este home facíanos rabiar, pois sempre que pasaba por alí, dáballe un punteirazo á pelota para mandala ás quimbambas.

Un día finximos que iamos tirar un penalti e puxemos unha bola de ferro no sitio do balón. O resultado non é difícil de imaxinar. Claro que non sei se todo isto debe figurar nesa biografía, na que tamén se podería dicir que o protagonista andaba moi ben en bicicleta e que tiña boa letra e que era devoto dun cura escritor que se chamaba Obregón. Desde logo, se fose para min, esas serían as cousas que me gustaría escribir. En caso de que isto non pareza adecuado, eu négome a contar, por aburridas, historias do servizo militar.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de agosto de 1995.